A Escola Naval Militar reunirá a investigadores e responsables militares de toda España
Por Redacción
A Escola Naval Militar de Marín será punto de encontro entre investigadores e responsables militares no Congreso Nacional de i+d en Defensa e Seguridade (DESEi+d), que este ano celebrará a súa terceira edición os días 19 e 20 de novembro.
O propósito desta cita é servir como un foro no que xerar sinerxías nos eidos da investigación e a innovación entre os ámbitos civil e militar.
"O propósito deste congreso é intentar achegar a innovación no ámbito tecnolóxico ao mundo da defensa", salienta a profesora do Centro Universitario da Defensa (CUD) Mercedes Solla, presidenta do comité científico do foro que organiza este centro adscrito á Universidade de Vigo.
Representantes das Forzas Armadas e dos corpos e forzas de seguridade do Estado, empresas, laboratorios e grupos de investigación de diferentes universidades e organismos públicos tomarán parte nestas xornadas financiadas pola Cátedra Isdefe, que impulsa a Universidade Politécnica de Madrid e o Ministerio de Defensa.
Se ben a defensa foi "o pai de moitos avances tecnolóxicos", como recoñece Solla, na actualidade existen tamén moitos avances ou liñas de investigación "que ás veces podemos pensar que non interesan ao mundo militar, pero que poderían supor tamén unha innovación en materia de defensa e seguridade". De aí que o propósito central deste congreso sexa precisamente "poder ver que se está facendo en toda España nesta materia e tratar de buscar sinerxías para a súa aplicación no ámbito da defensa", apunta Solla.