Dous octoxenarios, trasladados a Montecelo por inhalación de fume nun incendio en Marín
Por Redacción
Dous octoxenarios tiveron que ser auxiliados e trasladado ao Hospital Montecelo debido a unha inhalación de fume cando se orixinou un incendio ás 13.28 horas desta mañá na cociña do domicilio situado na rúa Busto de Abaixo en Marín, por causas que aínda non se determinaron.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Morrazo, ao igual que axentes da Policía Nacional, da Municipal, Protección Civil de Marín e Urxencias Médicas, segundo informou o servizo do 112.
A Policía Local de Marín chamou ao Parque de Bombeiros de Pontevedra para alertar da incidencia. Os Bombeiros de Pontevedra puxéronse en contacto co servizo de Emerxencias do 112, que foron os encargados de avisar ao parque do Morrazo e ao resto de efectivos que se desprazaron ata a zona.
Os primeiros en chegar ao lugar e apagar o lume foron os Bombeiros de Pontevedra. A continuación chegaron os equipos do Morrazo para realizar as tarefas de ventilación, mentres que os de Pontevedra retornaron ao Parque para minimizar o tempo fóra do termo municipal.