Rompen o escaparate dun quiosco para levar un botín de revistas
Por Redacción
Varias revistas de temática variada. Este foi o botín do último roubo con forza rexistrado na rúa Andrés Muruais de Pontevedra. Aconteceu nalgún momento da madrugada do sábado ao domingo 14 de xuño no quiosco 'Macania' e para localizar os seus responsables a Policía Nacional abriu unha investigación que aínda non deu resultados.
O responsable do quiosco, Pedro Magdalena, explicou que el se decatou do roubo sobre as 6.00 horas da mañá do domingo, cuandos dispoñíase a abrir o negocio para a venda dos xornais do día e encontrouse con que alguén rompera o escaparate.
Unha vez no interior, descubriu que os cristais "llegaban hasta el mostrador", pero os peores augurios non se cumpriron e os ladróns presuntamente non chegaron a entrar no establecemento, senón que se limitaron a coller o botín ao que podían acceder dende a rúa, simplemente con meter a man a través do escaparate que esnaquizaran.
Pedro non puido determinar cantas revistas levaron de botín nin exactamente cales foron, pois adoita cambiar periodicamente o escaparate e as publicacións que colga nel para atraer os clientes.
Tras ter constancia do roubo, alertou a Policía Nacional e formalizou unha denuncia na Comisaría. Os axentes xa abriron unha investigación e, segundo o responsable do negocio, a Policía Científica xa solicitou probas.