Prohibido o baño na praia fluvial da Calzada ante a turbidez da auga
Por Oskar Viéitez
Técnicos da Xunta de Galicia acudiron este luns ata a praia fluvial da Calzada para tomar unha mostra da auga do río Verdugo ante a turbidez que mostraba, para analizar se procede dalgún foco contaminante.
O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de prohibir de forma preventiva o baño nesta praia, distinguida coa bandeira azul, a primeira de toda España para unha praia de río.
Dende o Concello da Lama, o goberno local sinalou que non detectou ningunha vertedura nin emisión ningunha da súa depuradora ao río Verdugo, nin lle consta que se efectuasen labores de limpeza ou mantemento na súa depuradora que puidesen provocar o episodio detectado na praia fluvial da Calzada.
Tras recibir esta mañá unha chamada dun funcionario do Concello de Ponte Caldelas comunicando o incidente e solicitando información ao respecto, os técnicos municipais da Lama realizaron as comprobacións oportunas e corroborouse que non se desenvolvera ningunha tarefa de limpeza durante este fin de semana, nin este luns, e que tampouco se detectou ningunha vertedura nin elemento que puidese determinar que a orixe do episodio da Calzada tivese que ver coa depuradora da Lama.
O Concello da Lama ofreceu as máximas facilidades e a súa colaboración cos organismos pertinentes para determinar a orixe deste episodio ambiental.
Relacionadas:
-
O PSdeG-PSOE da Lama esixe a Jorge Canda que se desculpe con Ponte Caldelas pola vertedura ao río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
A Calzada presume xa da súa Bandeira Azul
Por Redacción |
-
A análises permiten a reapertura ao baño na praia fluvial da Calzada
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Ponte Caldelas denunciará ao da Lama pola vertedura na praia fluvial procedente da depuradora
Por Redacción |
-
Izado provisional da bandeira azul na praia fluvial da Calzada
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas fai historia conseguindo a primeira bandeira azul para unha praia fluvial
Por Oskar Viéitez |