Toda unha vida sen luz nin auga, pero pagando as taxas
Por Oskar Viéitez
Tres casas da zona de Melide, na illa de Ons, levan vinte anos esperando que o tendido eléctrico chegue ata as súas vivendas. Tampouco teñen abastecemento de auga e, non obstante, pagan relixiosamente cada ano unhas taxas por uns servizos mínimos que non gozan e un canon pola concesión administrativa das vivendas que ocupan.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, advertiulles que as competencias neste asunto son da Consellería de Medio Ambiente e do Parque Nacional Illas Atlánticas.
Da man dos veciños, o goberno local pediu a mediación do Valedor do Pobo que acaba de remitir un informe positivo ao Concello de Bueu, no que sinala que a Xunta debería encargarse da redacción e autorización dos proxectos técnicos necesarios para a prestación de servizos básicos de auga e enerxía e, ademais, da aprobación dunha orde de axudas ás que poidan acceder os concesionarios das vivendas para alcanzar os servizos demandados.
Félix Juncal mostrouse satisfeito porque "finalmente prevaleceu a razón xa que non é xusto que unhas vivendas contén con estes dous servizos e outras non no mesmo réxime de concesións".
Tras isto, o informe deixa patente que, aínda que as illas Ons pertencen ao Concello de Bueu, son propiedade da Xunta de Galicia, algo que dende o goberno local resaltan "por ser o que nós defendiamos dende o comezo".
Os veciños afectados serán convocados proximamente a unha reunión no concello xunto ao representante legal deste para tratar esta situación.