Homenaxe ao Carrabouxo no 25 aniversario da loita veciñal pola carballeira de San Xusto
Por Oskar Viéitez
Os veciños de San Xurxo de Sacos organizaron unha homenaxe a Xosé Lois González Vázquez "O Carrabouxo", cando se cumplen 25 anos da súa loita contra a Igrexa pola propiedade da carballeira. O Carrabouxo foi quen deseñou o símbolo do movemento veciñal dos anos 90 en San Xurxo: un cura levándose un carballo.
O programa de actos arrancará o 27 de xuño, as 12.30 horas coa inauguración da exposición conmemorativa do 25 aniversario, deseñada por Pepe Arceu. As 13,30 horas terá lugar a presentación do acto e do homenaxeado. E as 14.15 haberá unha ofrenda floral en lembranza dos veciños que finaron durante estes anos. Logo servirase un xantar a cargo do cociñeiro Víctor Senín.
Contra as 18.00 horas proxectarase o documental titulado “Seis anos de loita na procura do ben común (1990-1996)”, para rematar coas actuacións dos grupos folclóricos galegos: Colectivo Xestal, Dous ceghos e médio, Ghalos do curral, Os Trazantes, Rampoña neghra e o gaiteiro Oscar Ibañez.
HISTORIA
O conflito pola carballeira de San Xusto remóntase ao 6 de xuño de 1990, cando o párroco Manuel Lorenzo acudiu ao Rexistro da Propiedade para poñer a nome do Arcebispado de Santiago, o monte Lixó e a súa carballeira.
Aí empezaron as protestas con curas de trapo aforcados nas marxes da estrada N-541, concentracións ante a capela de San Xusto, suspensión de oficios relixiosos, magostos reivindicativos, manifestacións e unha infinidade de actos que marcaron os primeiros anos de enfrontamento, ata que no ano 1997 o Tribunal Supremo ratificou a resolución ditada primeiro por un xulgado de instrucción, e despois pola Audiencia, mantendo que a carballeira e o monte Lixó son comunais.