Os concellos van preparándose para as cachadas de San Xoán
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía recolleu 150 solicitudes para realizar cacharelas durante as noites de San Xoán e San Pedro, segundo informaron fontes municipais. O centro de Vilagarcía contará coas de Piñeiriño, Marxión, Rubiáns, Cea, Cornazo, Trabanca Badiña, Carril, Vilaxoán, Trabanca Sardiñeira, Guillán, Solobeira, A Torre, O Sixto, A Laxe, Bamio e as praias urbanas da Concha-Compostela.
O departamento de Medio publicará os permisos concedidos a través do taboleiro de anuncios da web municipal. O condicionante para poder realizar as cacharelas céntrase no estrito cumprimento das normas de seguridade a través dun perímetro de seis metros de raio por cada metro de altura da "cachada". Evitar a súa instalación baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, lonxe de zonas arboradas e que non exista un local no que se almacenen produtos inflamables. Tampouco se poderán acumular combustibles nos arredores das cacharelas nin poderanse queimar materiais contaminantes ou perigosos.
Ademais será necesario dispoñer de material para a extinción do lume para garantir e evitar posibles incidencias. As cacharelas que se realicen nas praias deberán cumprir co requisito para instalarse respectando os seis metros de servidume de paso dende a liña de preamar ou a marea alta.
BUEU
En Bueu péchase este xoves o prazo para a presentación de solicitudes e o departamento de Urbanismo leva contabilizadas nove inscricións para cacharelas en lugares privados e tres en espazos públicos. Nesta localidade as cacharelas deben manter unha distancia de seguridade como mínimo de 25 metros de edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos. Cun perímetro máximo de 6/8 metros e unha altura non superior a 3 metros en ningún caso. Dende este Concello indícase que, ao termo da festa, se deberá proceder á limpeza no caso de que se trate de espazos públicos autorizados.
MARÍN
No Concello de Marín xa finalizou o prazo de entrega de solicitudes cuxas bases establecen unha separación mínima de 15 metros lineais coa vexetacións cunha altura máxima de 2 metros. Sinalando que para a combustión só pódese empregar leña, ramas, madeiros de árbores ou calquera outro material de madeira, quedando prohibido o uso de materiais inflamables como pneumáticos ou materiais de PVC. En Marín prohíbese facer cacharelas na praia e en caso de que sopre vento que puidese dificultar a vixilancia, o lume deberá apagarse.