Desestiman a denuncia presentada polo PP contra o BNG durante a campaña electoral
Por Alejandro Espiño
A Xunta Electoral de Zona de Pontevedra acordou arquivar a denuncia presentada polo Partido Popular contra o BNG durante a pasada campaña electoral, na que os populares denunciaban que os nacionalistas incumpriran a normativa ao visitar, como concelleiros do grupo de goberno, as obras para habilitar un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións do IES Torrente Ballester.
O devandito acto, protagonizado polos edís Luis Bará e Carmen Fouces, produciuse o pasado 11 de maio, e o Partido Popular, aseguraba na súa reclamación que se trataba da visita a unhas obras e o anuncio dun logro obtido, xusto antes das eleccións municipais, algo que incumpriría o artigo 50 da lei orgánica de réxime electoral. Por iso, solicitaban unha sanción administrativa para o BNG.
Nas alegacións presentadas por Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra -a quen se dirixe a Xunta Electoral-, o BNG aseguraba que se trata dun acto organizado polo partido, algo que "ampara e permite a propia normativa electoral", para explicar a súa política de aparcadoiros e que non había "o máis mínimo elemento de proba" que acreditase que o acto denunciado fora promovido polo Concello.
Ademais, os nacionalistas aproveitaron para destacar que a súa conduta era "perfectamente legal e dende logo moito máis correcta que a do Partido Popular", que trouxo dúas ministras a Pontevedra, a de Fomento e a de Medio Ambiente, para anunciar o paseo peonil e ciclista dende Mollabao a Marín, en plena campaña electoral, "facendo referencia na convocatoria a súa condición de ministras, perdendo a neutralidade das titulares destas institucións".
Na súa resolución, a Xunta Electoral de Zona dá a razón ao BNG e conclúe que da documentación achegada ao expediente do PP deriva que a devandita visita "non pode cualificarse como unha inauguración, xa que non houbo ningún acto público de apertura" nin tampouco a posta a disposición dunha obra finalizada, "se non que foi un acto de campaña electoral", semellante ao protagonizado polas ministras populares.
O Partido Popular xa presentou un recurso ante esta decisión.
Relacionadas:
-
Desembarco ministerial para anunciar que se ampliará o paseo entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga & Daniel Santomé |
-
O Partido Popular de Pontevedra queixarase da campaña do BNG ante a Xunta Electoral
Por Oskar Viéitez |
-
Un novo aparcadoiro gratuíto xunto ao IES Torrente Ballester abrirá en 15 días
Por Redacción |