O Partido Popular de Pontevedra queixarase da campaña do BNG ante a Xunta Electoral
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Pontevedra acudirá á Xunta Electoral de Zona para "poner en su conocimiento" as visitas a obras que están a levar a cabo os membros da candidatura do BNG, "algo que está prohibido por la Ley Electoral".
"No queremos ensuciar nada, pero las reglas son las mismas para todos", declarou César Abal, número 5 da candidatura do Partido Popular en Pontevedra.
A queixa do PP alude á visita realizada este luns por membros da candidatura do BNG aos estacionamentos próximos ao IES Torrente Ballester e ao Pavillón Municipal, onde informaron que o obxectivo é poñer ao servizo dos cidadáns parcelas de equipamento ou zonas verdes que poidan empregarse temporalmente como estacionamentos gratuítos en superficie, mentres non teñen outros usos.
Pola súa banda o voceiro do PP recorda que durante este período non se poden inaugurar proxectos nin facer visitas a obras en curso aos membros do Goberno "a nosotros también nos habría encantado visitar las obras del desdoblamiento de la Avenida de Vigo con la ministra, Ana Pastor", afirmou.
"No están haciendo una campaña limpia", acusou César Abal.
Dende o BNG, Luis Bará, membro da candidatura dos nacionalistas, contestou aos populares que "se queren facer esa queixa están no seu dereito, a opinión é libre" e explicou que tanto el coma os seus compañeiros "continuamos facendo o traballo municipal e de campaña" con visitas aos barrios e tamén as obras e considera que "estamos a actuar correctamente", concluíu.