Cualifican de "traición a Marín" que o Porto non fora incluido na Rede Europea de Transportes
Por Redacción
"ÿ unha traición a Marín en toda regra, xa que os eurodeputados do PP anunciaran que votarían a favor das emendas presentadas, tanto polo BNG como do propio PP". Así cualificou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a negativa do PP en Bruxelas a defender a inclusión do Porto de Marín dentro da Rede Europea de Transportes.
Segundo Ana Miranda, con esta decisión, o Porto de Marín queda fóra tanto da rede principal, que acapara o 85% dos fondos europeos, como da rede básica que dispón do 15% restante que a UE destina a infraestruturas portuarias relacionadas coas grandes áreas de transporte a nivel europeo.
"O BNG foi o primeiro en decatarse que os portos galegos de Marín e Vigo quedaban fóra das infraestruturas europeas e polo tanto sen fondos, e presentou emendas propoñendo a súa inclusión", recorda a eurodeputada nacionalista. "Pero chegado o momento da votación observamos que Marín quedaba fóra das propostas e que polo tanto o goberno español non fixera ningún tipo de negociación previa para que as emendas se incluísen e se votasen".
En todo caso, Ana Miranda explicou que agora falta a fase plenaria do Parlamento Europeo e que o Consello de Ministros "aínda pode facer unha rectificación e incluír as emendas pero para elo o goberno español ten que negociar e presionar". Aínda que non mostra moitas esperanzas de que rectifiquen porque, segundo denunciou, "está claro que falta vontade política neste tema".
Inhibición do PP na Xunta e no Concello
Pola súa parte a portavoz do BNG en Marín, Pilar Blanco, afirmou que existe unha total inhibición dos representantes dos gobernos do PP da Xunta e do Concello sobre un tema de vital importancia para o Porto de Marín. "Non hai ningún tipo de reacción nin por parte da alcaldesa nin do presidente da Autoridade Portuaria, que deberían estar moi preocupados pola actitude dos seus colegas en Bruxelas e en Madrid. Se o Porto queda fóra da rede básica perderá toda opción aos fondos europeos para infraestruturas no futuro inmediato, do ano 2014 ao 2020".
Pilar Blanco tamén amosou a súa preocupación polos datos recentes aportados pola propia Autoridade Portuaria que reflicten un descenso de 7.000 toneladas no volume de descarga de peixe. "Estase a perder un sector vital para a economía local, nos últimos anos perdéronse 2000 postos de traballo relacionados directamente coa lonxa e coa pesca, e o peor está por vir senón se busca unha solución para a flota en Mauritania".