Críticas da oposición ante a "opaca" oferta do BNG para presidir comisións informativas
Por Alejandro Espiño
Xa data para a constitución das comisións informativas do Concello de Pontevedra. Será este xoves 25 de xuño, a partir das dez da mañá. A primeira será a de Réxime Interior e a partir de aí, cada dez minutos, será a quenda de Urbanismo, Benestar, Infraestruturas, Economía e a comisión de Suxestións. A mañá concluirá coa primeira reunión da nova xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes.
E tras a Xunta de Voceiros celebrada este martes, parece complicado que finalmente algunha delas vaia estar presidida pola oposición. Partido Popular, PSdeG-PSOE e Marea coinciden en cualificar a oferta do BNG como un "paripé" e critican a "opacidade" deste ofrecemento, xa que segundo o popular César Abal asegurou que "no están claras las funciones que tendríamos ni si podríamos incorporar asuntos al orden del día".
Precisamente o PP mostrou o seu interese en presidir a comisión de Economía, Facenda, Promoción económica e Turismo, pero teme perder "capacidad para fiscalizar" ao goberno "ya que como presidente no podríamos interpelar al concejal del área".
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, afirmou que a participación e a transparencia na xestión municipal "se hace de otra manera" e lamentou que o BNG non teña unha proposta "seria" para regular o funcionamento destas comisións informativas. Ademais, lamentou a "incoherencia" que, ao seu xuízo, supón este ofrecemento "al mismo tiempo que se niegan medios a la oposición para hacer nuestro trabajo".
Dende Marea Pontevedra, Luis Rei asegurou que tamén estarían interesados en presidir unha delas "se formara parte dun compromiso serio coa transparencia", afirmando mesmo que a oposición debería de presidilas todas. Aínda así, recoñeceu que "non sei se sería posible porque temos moitas dificultades de funcionamento", debido á organización municipal aprobada polo BNG coa abstención do Partido Popular.
A VOLTA COS LOCAIS
Ao fío destas críticas, Raimundo González recordou que estas comisións informativas analizan "todos os asuntos que van a pleno", incluídas as mocións que poden presentar cada un dos partidos. Neste sentido, apuntou que as competencias do presidente "poden chegar ata todas as lexislativas que ten cada comisión", ante o cal "non poremos ningunha cortapisa". Tamén contará co voto de calidade en caso de empate nunha votación.
Ademais, o voceiro do BNG reiterou que a cada partido da oposición se lle ofreceu un local en dependencias municipais, a pesar de que a lei non lles obriga a iso, pero que salvo o PP ninguén máis o aceptou. De feito, tanto o PSdeG-PSOE coma Marea denunciaron que a devandita oferta "foi de palabra e non nos consta ningún ofrecemento formal". Ambos os dous terían reservados, segundo Raimundo González, senllas oficinas no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
PP e PSdeG-PSOE presidirán finalmente dúas das seis comisións informativas do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Axilizan a constitución das comisións informativas e a adxudicación de doce contratos de provedores
Por Alejandro Espiño |
-
Ratifican no Pleno, grazas á abstención do PP, o reparto de retribucións municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |