PSOE e BNG asinan un pacto de goberno sen Veciñanza de Cuntis
Por Oskar Viéitez
Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG e o único edil do BNG formarán un goberno en minoría no Concello de Cuntis, no que non participará Veciñanza de Cuntis.
Esta plataforma cidadá a terceira forza máis votada no municipio propiciou a investidura como alcalde do socialista Manuel Campos, pero durante as negociacións para formar un goberno tripartito non houbo acordo ao esixir estes unha dedicación exclusiva para o seu edil.
Xunto ao alcalde Manuel Campos, o único con dedicación exclusiva, gobernará Concepción Campos como primeira tenente alcalde, e o nacionalista Enrique Portela como segundo tenente alcalde. O socialista José Manuel Lema formará parte do equipo de goberno local.
O PSdeG asumirá a xestión das áreas de Urbanismo, Economía e Facenda, Medio Ambiente, Sanidade, Promoción do Emprego, Persoal e Seguridade Cidadá, Obras, Mantemento e Servizos, Xustiza, Servizos Sociais, Innovación e Industria, Deporte, Igualdade, Medio Rural, Agricultura Forestal e Concentración Parceira.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego faise cargo de Cultura, Patrimonio, Turismo, Comercio, Normalización Lingüística e Educación.
No pacto de goberno figura como principais obxectivos aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a posta en marcha do plan de sectorización do polígono industrial da Ran e a entrada en funcionamento do Centro de Día.