Vilagarcía abrirá o comedor da Lomba para garantir a correcta alimentación dos nenos
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía contará este ano co seu primeiro servizo de comedor escolar durante o verán. Este foi un dos principais compromisos do goberno de Alberto Varela e tamén unha das súas primeiras xestións.
Este mesmo venres a Consellería de Educación respondeu positivamente á petición realizada en días pasados polo alcalde. Aínda que de xeito parcial –a administración autonómica só permitirá a apertura dun comedor e non participará no financiamento do servizo-, o goberno local celebra o cambio de actitude da Xunta ante un evidente problema, que ten dúas vertentes: por unha banda, a necesidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, e, por outra, a obriga de garantir a correcta alimentación daqueles rapaces pertencentes a familias con escasos recursos.
Combinar ambas facetas é o obxectivo do goberno local e por iso para vindeiras edicións o equipo que dirixe Alberto Varela plantéase ofertar o servizo de comedor escolar coincidindo coas ludotecas. Neste ano, por exemplo, las actividades de lecer con monitor se desenvolven nas instalacións de Fexdega e o comedor funcionará no colexio da Lomba.
A intención é que o servizo de comedor escolar comece a funcionar o vindeiro 15 de xullo. Tendo en conta que a autorización da Xunta acaba de chegar, o tempo é moi escaso para poñer aquel en marcha. Por iso, a concelleira de Benestar, Tania García, xa se puxo en contacto coa Secretaría Xeral, Contratación e os Servizos Sociais para que axilicen todos os trámites a fin de contratar con carácter inmediato unha empresa de cátering especializada en menús escolares e, ao tempo, se establezan os baremos para facer a convocatoria das prazas –en principio cen- nos vindeiros días.