Ollo ao tráfico! Restricións este martes en Conde Bugallal e Domingo Fontán por obras de asfaltado
Por Redacción
O Concello de Pontevedra asfaltará este martes 30 de xuño parte das rúas Conde Bugallal e Domingo Fontán. Esta pavimentación inclúese dentro dun proxecto máis amplo do que xa se asfaltaron as rúas Sagasta, Joaquín Costa, Peregrina, Portugal e a subida aos Areás, e que pretende alongar o máis posible a vida útil dos pavimentos.
Estes son os dous últimos asfaltados deste plan que tivo que retrasarse ata o remate do curso escolar nestes ámbitos, para evitar consecuencias no tráfico.
Na rúa Conde Bugallal, pavimentarase o tramo entre o cruzamento do Marco con Ramón Otero Pedrayo. As obras comezarán ás 9.30 horas e rematarán pola tarde.
A Policía Local elaborou un plan de tráfico para este ámbito. Pola mañá pecharase un só carril de circulación de tal xeito que se permitirá a circulación entre o Marco e Conde Bugallal. O tráfico de saída de Conde Bugallal cara ao cruce do Marco será desviado por Ramón Otero Pedrayo. Pecharase, á altura de rúa Estación, o carril de saída de Ramón Otero Pedrayo cara Conde Bugallal, agás residentes.
O tráfico maior é pola mañá, sentido O Marco - Conde Bugallal, de aí que se facilite o tráfico de entrada a cidade. Pola tarde -a partir das 17:00 horas, aproximadamente, ata o remate-, os operarios traballarán no cruce entre Conde Bugallal e Otero Pedrayo polo que mudará o sentido do tráfico. Pecharase a circulación de entrada do Marco cara a Conde Bugallal e permitirase o tráfico de saída.
Na avenida Domingo Fontán, traballarase entre a Ponte das Correntes e o cruzamento do Hostal Miramar. As obras durarán todo o día, e comezarán a partir das 8:30 horas.
Polo tanto, o tráfico procedente do nó de Bombeiros será desviado pola Ponte das Correntes cara as avenidas de Uruguai e Bos Aires. Non se permitirá o tráfico procedente de Uruguai cara Miramar e si de saída cara o nó de Bombeiros. Manterase operativo o carril de saída dende Miramar cara a Ponte das Correntes.
O orzamento total de todo este plan de pavimentación que realiza a empresa Covsa ascendeu a 60.250,86 euros.