As relacións extraprocesais xuíces/avogados, a debate esta semana en Pontevedra
Por Redacción
"É un clamor dar un novo enfoque, distinto, máis moderno e adecuado aos tempos actuais ás relacións extraprocesais xuíces/avogados, que propicien a axilización -tan na boca de todos- da resolución dos litixios". A afirmación realízaa o decano do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, Ramón Jáudenes, a tan só unhas horas de que este asunto se debata na cidade no marco das X Xornadas Nacionais de Comisións de Relacións coa Administración de Xustiza.
As xornadas celebraranse estes xoves e venres 2 e 3 de xullo en Pontevedra promovidas polo Consello Xeral da Abogacía Española e organizadas polo Colexio Provincial de Avogados e co obxectivo de mellorar exercicio diario da profesión de avogado. Entre outras cuestións, permitirá analizar as relacións con outros actores da Administración de Xustiza, como os xuíces e fiscais.
Ramón Jáudenes parte da base de que entre xuíces e avogados "as relacións son boas porque ambas institucións poñemos moito empeño niso", pero é necesario incorporalas á Lei Orgánica do Poder Xudicial. para facelo posible, "o lexislador, como noutras tantas cuestións de contrastada eficacia, só ha de fixarse na nosa contorna, neste caso, no sistema anglosaxón onde funciona optimamente".
As xornadas comezarán mañá xoves coa análise das relacións con outro dos actores da Administración de Xustiza, a Fiscalía, con quen acaba de poñerse en marcha un protocolo de conformidades que permitiu ordenar as relacións entre avogados e fiscais para poder chegar a acordos antes dos xuízos. Jáudenes realiza unha valoración "indudablemente positiva" desta medida, pois "estando protocolizada, afórranse moitos traumas, tempo e diñeiro dos cidadáns porque se evitan xuízos". No caso de Pontevedra, as relacións coa Fiscalía "son magníficas" e "os compañeiros están máis satisfeitos desde que implantamos o protocolo".
O decano dos avogados pontevedreses explica que as xornadas tamén analizarán, "e non é cuestión menos importante", o dereito de defensa á luz das directivas europeas, aplicables no ordenamiento xurídico, que "dan un paso adiante reforzando as garantías do cidadán cando se atopa detido, preponderando a función e intervención do avogado".
As xornadas congregarán en Pontevedra a 95 profesionais en representación dos 83 colexios de avogados de España para tratar de analizar ata onde debe ir o papel do avogado como imprescindible interviniente na xurisdicción, buscando optimizar os xeitos de relacionarse para convertelos en máis adecuados aos tempos actuais, e axilizar así a resolución dos conflitos entre os particulares.