A Mesa recibe o apoio de Pontevedra para "abrir unha nova etapa para o galego" desde os concellos
Por Alejandro Espiño
A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou unha campaña por toda Galicia para que, "co impulso dos concellos" se abra unha "nova etapa" para o galego tralas recentes eleccións municipais. Así o afirmou este mércores o presidente deste colectivo, Marcos Maceira, que mantivo un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro do área, Alberto Oubiña.
Malia que destacar que Pontevedra "xa ven aplicando" moitas das medidas que desde A Mesa solicitan da administración local, Marcos Maceira reiterou que os concellos deben adoptar un "compromiso real" coa lingua galega e poñer en marcha accións concretas para a normalización do idioma.
Entre elas, o responsable da Mesa destacou a atención ao público dos funcionarios en galego, que as empresas que traballen para a administración fagan uso do idioma propio de Galicia, que todas as actividades se desenvolvan en galego, incluídos os concursos, ofertas e redacción de estudos técnicos, o impulso do servizo de normalización lingüística ou a utilización do galego nas escolas infantís municipais.
Maceira, que explicou que estas propostas están tendo un "acollemento moi bo" entre os concellos, celebrou que Pontevedra se convertera nos últimos anos no "gran referente" da cultura en Galicia "e co galego como bandeira". Trátase de algo que espera que se produza noutras grandes cidades agora que, logo das eleccións do pasado 24 de maio, "se aposta máis polo galego que tres semanas atrás".
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou a "total disponibilidade" do Concello de Pontevedra para traballar pola normalización do uso do galego en todos os ámbitos da vida e "poñer en valor" un idioma que "nos identifica e nos une porque é a nosa cultura". O alcalde afirmou que o goberno municipal seguirá traballando para aumentar a presenza do galego nas relacións co comercio, os veciños ou as asociacións culturais.