O centro de alzhéimer do Gorgullón recibirá o primeiro usuario o 14 de xaneiro
Por Redacción
O novo centro de día de atención a enfermos de alzhéimer do Gorgullón está xa completamente rematado e recibirá o seu primeiro usuario o 14 de xaneiro. O dato ven de facilitalo o voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, despois dunha visita ás instalacións. Facendo uso desta data e dos datos recollidos durante o seu percorrido polo centro, censura as críticas que hai unhas semanas realizou a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Carmen Fouces, acerca da actuación dos populares nesta infraestructura.
Moreira sinala que puido "comprobar persoalmente a calidade e modernidade das instalacións do novo centro" despois dun longo período de tempo "seguindo o proceso de acondicionamento do inmoble e da adxudicación do servizo". Fíxoo nunha visita o xoves 3 se xaneiro na que estivo acompañado pola secretaria xeral de Benestar Social, Coro Piñeiro, e delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
A asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (Afapo) será a entidade encargada de xestionar o servizo, que beneficiará a unhas 28 persoas que acadarán a praza segundo as listas da Consellería de Traballo e Benestar Social, atendendo á Lei de Dependencia. Segundo Moreira, o número de usuarios poderá verse incrementado dependendo de se os beneficiarios escollen media xornada ou completa.
Moreira recorda que o centro era unha das demandas máis antigas desta asociación, de aí que censure as acusacións de Carmen Fouces, en relación coa paralización temporal da adxudicación. "A Xunta de Galicia cumpriu o seu compromiso con Pontevedra e as instalacións do Gorgullón xa están listas para atender a 28 usuarios, despois de que o servizo se adxudicase o pasado mes de decembro", responde á edil nacionalista.
Recorda que Fouces, tras frearse hai pouco máis de tres meses o proceso administrativo por un erro formal, acusou á Administración de tentar incumprir a súa promesa e, textualmente, de "exterminar os servizos sociais". "O tempo creo que deixa as cousas ben claras, porque só pasaron tres meses desde aquela, e a concelleira debería hoxe desculparse", solicita o voceiro do PP.
O orzamento co que empeza a funcionar este centro ascende a máis 200.000 euros. O investimento realizado pola Consellería de Traballo e Benestar Social para o acondicionamento e equipamento das instalacións ascendeu a 520.000 euros.