Marín estreará o novo centro de saúde na primavera de 2016
Por Redacción
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou na tarde deste xoves 2 de xullo as obras de construción do novo Centro de Saúde de Marín, unha instalación sanitaria que conta cun investimento que supera os 5,2 millóns de euros, para unha superficie que xa se está a construír de 3.800 metros cadrados nos terreos ubicados no Souto, a carón do antigo barrio de suboficiais de Jaime Janer.
Esta obra ten un prazo de execución de 14 meses, polo que a conselleira calcula que na primavera de 2016 poidan estar finalizados os traballos e se poida inaugurar este centro tan demandado na vila.
Estas instalacións contarán cunha área de medicina xeral e enfermaría, doce consultas de medicina xeral, once de enfermaría, unha aula para docencia, unha sala polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de toma de mostras, outra de técnicas, unha consulta de odontoloxía e outra para hixiene dental, ademais de farmacia, sala de raios X compartida co Punto de Atención Continuada (PAC), unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde e catro cabinas de tratamento de fisioterapia coa súa correspondente consulta.
En relación coa área de pediatría haberá catro consultas de pediatría, unha polivalente e catro de enfermaría pediátrica. Na área de urxencias, o PAC dispoñerá de tres consultas de medicina xeral, dous de enfermaría, unha sala de críticos e unha sala de observación, ademais dos dormitorios para o persoal de garda. Este centro contará tamén cunha biblioteca, sala de xuntas, sala de estar, almacéns e arquivo.