O novo curso universitario apostará por unha maior integración dos alumnos sénior
Por Oskar Viéitez
José María Fernández, é estudante sénior do campus de Pontevedra. Matriculouse na Universidade despois de xubilarse. Era unha das súas ilusións e ao pasar á reserva na súa profesión de militar encontrou o tempo necesario para poder dedicarse aos seus estudos.
"É unha experiencia positiva ao cen por cento", afirma José María, quen tamén preside a Asociación de Estudantes Sénior.
Este martes tiveron unha reunión na Casa das Campás para coñecer as novidades do próximo curso 2015/2016 que xa abriu o seu prazo de inscrición para as persoas de máis de 55 anos que queiran acceder a estudos universitarios.
O director da Área de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Nombela, explicou as novidades que afectan aos dous ciclos nos que se divide.
O primeiro deles que recibe o nome de ciclo intensivo e ten unha duración de tres anos, pasará a ofrecer exclusivamente materias optativas. Os alumnos deberán escoller as que queiran cursar cada ano segundo as súas preferencias.
En canto ao segundo ciclo, este cambia o seu nome, pasando a chamarse de Ciclo de Especialización a Ciclo Integrado. As súas materias serán unicamente as que se imparten dentro da oferta de graos do campus xa que o obxectivo deste xiro no programa se basea, precisamente, en lograr unha maior integración do alumnado sénior na vida universitaria, fomentando así a conexión interxeracional entre novos e maiores.
Esta vinculación entre ambos os dous colectivos de alumnos responde, ademais, a unha demanda dos propios estudantes.
Os estudantes que cursen 24 créditos dentro dun mesmo ámbito de coñecemento recibirán, ademais do seu correspondente título, unha mención a esta especialización, a xeito de recoñecemento como experto no ámbito.