Denuncian a falta de profesionais de enfermería durante o verán no Centro de Saúde de Portonovo
Por Redacción
O Sindicato de Enfermaría, Satse, denuncia os problemas aos que se terá que enfrontar o Centro de Saúde de Baltar (Portonovo) en Sanxenxo debido ao escaso reforzo de persoal para atender á poboación que se incrementa durante o verán na vila turística.
Nun escrito remitido á Xerencia e Dirección de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra-Salnés, a organización sindical denuncia que este verán só se contratou unha enfermeira como reforzo de costa para a atención aos desprazados. Unha medida "totalmente insuficiente", segundo o sindicato, a teor de que a poboación se multiplica en Sanxenxo nestas datas, pasando de arredor de 17.000 habitantes a máis de 100.000.
Satse afirma que se lles deu unha "orde verbal" aos enfermeiros fixos do centro de "suspender" as súas axendas 1 ou 2 horas diarias para reforzar a atención aos desprazados e mesmo suspender totalmente a consulta das tardes para dar maior reforzo na quenda de mañá, o que levaría consigo, segundo o sindicato, a demora na atención aos pacientes residentes.
Afirman tamén que a suspensión de controis ou curas domiciliarias e a modificación unilateral dos horarios de atención, ademais da modificación das condicións laborais dos profesionais afectados sen a súa consulta e/ou aprobación nin a dos seus representantes sindicais.
Para o Satse, "esta política cicatera de recursos humanos, que sobrecarga ao persoal do centro e mingua a calidade asistencial, non ten xustificación ningunha", recordando que os reforzos de costa van a cargo dunha partida económica específica e tampouco hai falta de aspirantes nas listas de contratación.
Solicitan unha contratación de reforzo de costa axeitado á demanda real das persoas que se desprazan para pasar as súas vacacións estivais.