Estudan fórmulas para facilitar que os veciños interveñan nos plenos de Pontevedra
Por Anxo Lourido
O goberno local de Pontevedra quere, cumprindo coa promesa feita na campaña electoral, dotar de maior participación cidadá ás sesións plenarias que se celebran no Teatro Principal. Por este motivo, o concelleiro de Réxime Interno, Vicente García Legísima, mantén reunións durante esta semana con diferentes colectivos. Este mércores entrevistouse con voceiros das Federacións de Veciños Castelao, Boa Vila e Teucro, ademais do presidente da Mancomunidade de Montes en Man Común e este xoves farao con membros dos diferentes grupos municipais coa intención de modificar o regulamento, que data de 1999.
Segundo García Legísima, o regulamento actual non foi aproveitado debidamente para fomentar esa participación plenaria e por iso están a traballar nas melloras que permitan que resulte máis atractivo para os veciños intervir nas sesións. Estúdase a opción de que poidan participar no punto de Rogos e preguntas, ademais das cales poidan intervir na elaboración de presupostos
Non obstante, o concelleiro non quixo entrar polo miúdo sobre os cambios que se barallan á espera de que un informe dos servizos xurídicos confirme que a normativa actual se axusta á Lei das grandes cidades para que despois se realicen achegas a partir de setembro.
García Legísima tamén indicou que, aínda que non se contemplou aínda, igual resulta necesario establecer un tempo límite para a intervención dos diferentes grupos durante os plenos, para evitar que se alonguen as sesións coa intervención dos cinco grupos con representación na corporación. Indicou que será necesario ver como se van desenvolvendo as próximas convocatorias.