Medio cento de postos de venda ofertan produtos gastronómicos e artesanía en Ecobueu
Por Redacción
Dende as 11.00 horas deste domingo 12 de xullo encóntrase aberta a carpa na Praza Massó de Bueu na que cincuenta postos de venda ofrecen produtos elaborados de forma ecolóxica e artesanal nunha nova edición de Ecobueu.
A cita conta con diferentes obradoiros, ademais de degustación de produtos como carne á grella de porco celta, paellas ou hamburguesas. Todos estes produtos acompañados pola música dos chavellos de pereiras. Durante a mañá deste domingo tamén tivo lugar, dentro deste encontro, no Salón de Plenos do Concello de Bueu unha xornada sobre innovación e emprendemento en actividades tradicionais da terra e do mar.
Ao longo da tarde tamén se desenvolven varios obradoiros de encaixe, de elaboración de mel, ademais de sesións de contacontos e un desfile, a partir das 20.00 horas, de moda ecolóxica, con especial protagonismo para froitas e verduras.
A xornada finalizará cun show drinking e unha actuación musical. O evento, que chega a súa sexta edición, conta coa colaboración de numerosas organizacións como a Sociedade Cooperativa Monte Cabalar, a Meixoeira Sociedade Cooperativa Galega ou a asociación Juan XXIII, que presenta produtos elaborados polos usuarios deste centro de atención, a persoas con discapacidades.