Sorpresa no Goberno local de Sanxenxo ao coñecer que o Pazo de Quintáns é propiedade municipal
Por Redacción
A visita do presidente da Deputación esta fin de semana a Sanxenxo deixou algunha sorpresa no goberno local ao coñecer que o Pazo de Quintáns segue a ser de titularidade municipal. Así llo confirmou o presidente en funcións, Rafael Louzán, aos membros do Goberno que o acompañaron na visita realizada ao emblemático inmoble.
Así, contrariamente ao que pensaban tódolos cidadáns, e os nove membros do Goberno local, a Deputación non aceptou a cesión de uso do Pazo aprobada nunha sesión plenaria no ano 2012, e á que varios dos grupos que hoxe forman parte do Goberno local xa lle puxeran moitas reticencias.
Corría o mes de maio do ano 2010 cando Rafael Louzán, agora presidente en funcións da Deputación, e a entonces alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, anunciaban a rehabilitación do inmoble para a súa conversión nunha Escola de Hostelería. Técnicos provinciais acompañaban aos políticos nunha visita na que xa se falou do comezo "inmediato" da redacción dun Plan Director, que o ente provincial ainda acaba de licitar.
Sen embargo, a Deputación esixiu a cesión do Pazo, por un periodo de 20 anos, para proceder a realizar o investimento prometido.
Segundo explicou Louzán o sábado, foron os servicios de intervención provinciais os que mantiveron paralizado o acordo durante preto de tres anos, rexeitando a cesión nos términos nos que fora aprobada por Sanxenxo. E foi en agosto do ano 2014 cando Deputación e Concello asinan un convenio de colaboración, do que o grupo de goberno tivo constancia tamén o sábado, e no que se contempla que a titularidade do inmoble segue a ser municipal.
O convenio, unha vez que se descarta que a Deputación poida asumir a rehabilitación da edificación, pretende regular as condicións de colaboración para a posta en valor do Pazo, comprometéndose a redactar o mencionado Plan Director e o plan básico da primeira fase de rehabilitación, nun prazo dun ano trala sinatura do convenio, que se cumpriría o día 19 do próximo mes.
Haberá que esperar sen embargo catro meses máis para que os dous documentos sexan entregados e Rafael Louzán deixou claro que será o Concello de Sanxenxo quen teña que xestionar, ben a través de fondos comunitarios ou ben a través de xestións con outras administracións, os cartos necesarios para proceder á rehabilitación dun Pazo que se vai deteriorando de xeito alarmante cada mes que pasa.
Gonzalo Pita trasladou ao presidente da Deputación o seu malestar
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita trasladou ao presidente da Deputación o seu malestar na mesma visita do sábado, xa que considera "intolerable" que ninguén informase ao novo goberno da non aceptación da cesión, xa o Concello tería adoptado medidas que preservasen a seguridade do inmoble dende o mesmo momento da súa toma de posesión. A primeira será manter pechada, mediante un candado, a porta de entrada ao Pazo.
Cabe recordar que o inmoble ten unha superficie estimada de 1.485 metros cadrados e conta con dúas plantas en L. A superficie total da finca é de 9.480 metros cadrados e atópase dividida en dúas partes principais. Unha delas dividida polas edificacións principais: pazo, capela, alpendres e piorno, e subdividida a súa vez en pequenos patios, un ao sur da entrada, o xardín ao leste, ao oeste o patio de servizo, e ao norte co piorno o patio de labor e acceso ás fincas.