Esixen a Urbaser que limpe os colectores do lixo ante as reiteradas queixas dos veciños
Por Redacción
O grupo de goberno do Concello de Ponte Caldelas esixiu aos responsables de Urbaser, empresa concesionaria do contrato de explotación do servizo de recollida de lixo no municipio, que axilicen os labores de limpeza e mantemento de colectores ante as reiteradas queixas dos veciños que aseguran que, coas altas temperaturas, moitos deles desprenden un olor desagradable e, mesmo, algún conta con presenza de avespas que ameazan con causarlle problemas aos usuarios.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recordou aos responsables da empresa que esta actuación así como unha recollida diaria no centro urbano e tres veces por semana no rural forman parte do contrato de explotación do servizo de lixo que remata no 2017.
Estes labores, sinalou Díaz Sobral, non só deberán consisir no baldeo dos colectores, senón que tamén deben ser sometidos a un proceso de limpeza exhaustiva con produtos que axuden a eliminar bacterias e olores indesexables. Ademais, recordoulles que a empresa debe reparar aqueles colectores que se encontren en mal estado e, se están moi deteriorados, terán que substituílos por outros novos.