Urbaser recollerá de balde o cartón dos comerciantes de Ponte Caldelas tres veces á semana
Por Redacción
A empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo en Ponte Caldelas, Urbaser, porá en marcha un servizo de balde de recollida selectiva de cartón do que se beneficiarán os comerciantes da vila cada semana os martes, xoves e sábados.
O servizo é froito dunha negociación encabezada polo alcalde, Andrés Díaz Sobral, que destaca que esta nova recollida de lixo favorecerá a reciclaxe de todo tipo de embalaxes de cartón que habitualmente utilizan os establecementos comerciais de Ponte Caldelas.
O equipo de goberno busca, con esta medida, fomentar unha maior concienciación cidadá en prol da recollida selectiva do lixo e da reciclaxe. Segundo se desprende dos datos que manexa Urbaser, nos últimos anos, en Ponte Caldelas descendeu un 20% a recollida de vidro, un 22% a de envases e un 39% a de papel, cifras contra as que queren loitar.
Esta diminución de achegas de material a reciclar provocou unha diminución, na mesma proporción, de aforro por este concepto para as arcas municipais co que o custo do servizo de recollida de lixo en Ponte Caldelas non se beneficiou do desconto previsto por Sogama por este concepto.