Hospitalizados tres policías que revisaban a seguridade do Rei nos sumidoiros de Marín
Por Redacción
Tres axentes da Unidade de Subsolo e Protección Ambiental da Policía Nacional que forman parte do dispositivo especial establecido en Marín para garantir a seguridade do Rei Felipe VI remataron na noite do mércores hospitalizados por inhalación de fume. Os policías revisaban os sumidoiros do centro da localidade.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, todo aconteceu sobre as 22.30 horas deste mércores. Os axentes empezaron a sentir mareos pola exposición prolongada aos olores e gases procedentes dos sumidoiros situados na rúa Lameira, ao pé da Comisaría local.
Fontes policiais indicaron que os axentes pertencen a unha unidade que se trasladou dende A Coruña para formar parte do dispositivo de seguridade vinculado ao acto de entrega de despachos e xura de bandeira que se celebrou este mediodía na Escola Naval de Marín. Empezaron a sentir mareos despois de revisar os sumidoiros e foron evacuados por unha ambulancia de Uxencias Médicas de Galicia, se ben recibiron a alta pouco despois.
Segundo informou o 112, nun primeiro momento pensouse que se podería tratar dunha fuga de gas natural, pero foi descartada polos propios policías. Malia todo, o persoal do 112 informou os Bombeiros do Morrazo, así como os voluntarios de Protección Civil de Marín.
A Unidade de Subsolo e Protección Ambiental da Policía Nacional foi creada partindo da base de que a utilización do subsolo por parte dos delincuentes adoita comportar unha problemática engadida á actividade policial de superficie, provocada por un descoñecemento das infraestruturas que se poden encontrar baixo terra e das posibilidades que ofrecen aos delincuentes. Este descoñecemento, é a principal razón pola que se utiliza esta unidade como un servizo especializado, colaborando activamente na prevención e investigación de accións delituosas de diversa índole, segundo consta na web oficial da Policía Nacional.