Veda para o choco na ría de Pontevedra
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves unha resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establece unha veda para a pesca do choco na ría de Pontevedra, con vixencia dende o pasado martes ata o vindeiro 31 de outubro.
Esta veda afecta á parte interior da Ría de Pontevedra, segundo a delimitación establecida pola normativa vixente, pola que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no referido decreto 15/2011. Do mesmo xeito, esta veda inclúe tamén a pesca marítima de recreo, de acordo co establecido pola normativa vixente.
Esta medida adóptase a petición conxunta formulada polas confrarías de pescadores de Portonovo, Sanxenxo, Raxó, Lourizán e Bueu e examinados os informes técnicos correspondentes. Nestes constátase que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados increméntase nun 80% respecto a meses anteriores e recoméndase limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías.