Poio rexistra unha ocupación hosteleira do 69 % na primeira quincena de xullo
Por Redacción
O bo tempo e as diferentes actividades lúdicas, segundo o Concello de Poio, serviron para incrementar nun 25%, respecto a 2014 a presenza de turistas nos hoteis do municipio durante a primeira quincena deste mes de xullo, logrando unha ocupación media do 69%.
As expectativas para esta segunda quincena de xullo son positivas xa que, nestes momentos, o volume de reservas rolda o 72%. Aínda así, as previsións poden variar en función das condicións meteorolóxicas e a tendencia a esperar ata o último momento para realizar as reservas, segundo o Concello de Poio.
Nesta primeira quincena, a cifra de visitantes rexistrados nas oficinas de Turismo municipais alcanza as 1.900 persoas, das que o 92% corresponderon a visitantes nacionais e un 8% a visitantes estranxeiros. O incremento de turistas rexistrados supón case 900 persoas máis que as da mesma quincena do ano pasado.
De entre os turistas nacionais destacaron os procedentes de Andalucía, Madrid, Castela e León, ademais de Asturias. Entre os visitantes internacionais destacaron aqueles chegados de Francia, Reino Unido, Irlanda e EUA.
Dende a apertura das oficinas municipais de turismo xa se levan rexistrados 4.042 visitantes nas que se mostran interesados polos atractivos do Concello de Poio e das Rías Baixas.