Critican a "nefasta xestión" da dirección do CHOP ante as altas temperaturas que están a soportar os pacientes do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez
A Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia a "nefasta xestión e o pasotismo da dirección do CHOP", ante as altas temperaturas que están a soportar os pacientes ingresados no Hospital Provincial de Pontevedra, con calor que superaba os 35 grados "que poñe no alto risco a súa saúde", sinalan nun comunicado.
Defensa da Sanidade Pública asegura que "o aire acondicionado leva meses estropeado e non se tomaron as medidas oportunas, malia as sucesivas olas de calor que estamos sufrindo".
O voceiro de esta asociación, Manuel Martín, sinala que esta "intolerable situación" nun hospital público é "consecuencia da política de recortes do goberno de Feijóo nos centros públicos, mentres deriva millóns de euros ás empresas privadas".
Desde esta asociación esixen que de xeito "inmediato" se tomen as medidas necesarias para garantir unhas condicións ambientais "adecuadas para os pacientes", e engaden que "dunha vez por todas se retome o proxecto de ampliación de Montecelo como único centro de hospitalización de pacientes".
Neste sentido a Defensa da Sanidade Pública entende que o hospital provincial "non reúne as condicións mínimas para a atención materno-infantil nin de persoas maiores" e por outro banda, "non é posible esperar á construción do hospital pantasma en Monte Carrasco, que nin se iniciou nin nunca se iniciará", conclúe.