Imputan omisión do deber de socorro ao condutor que ía bébedo nun accidente mortal en Cuntis
Por Natalia Puga
O veciño de Cuntis de 29 anos A.Z.B., que presuntamente conducía baixo os efectos do alcohol na madrugada do venres ao sábado cando se viu implicado nun accidente mortal na súa localidade, foi imputado por dous delitos. Nun primeiro momento atribuíuselle un delito contra a seguridade vial por conducir ebrio e posteriormente ampliouse a imputación ao de homicidio por imprudencia. Este luns PontevedraViva puido saber que tamén foi imputado por omisión do deber de socorro.
A Garda Civil de Pontevedra imputouno tras ter coñecemento de que non só tivo o accidente cando conducía ebrio, senón que, ademais, deixou desamparado ao falecido tras o sinistro. A vítima, o veciño de Cuntis de 20 anos E.F.C., quedou atrapado no seu turismo tras o sinistro. As dilixencias instruídas foron remitidos ao Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, que agora seguirá a tramitación xudicial do caso.
O sinistro produciuse sobre as 4.30 horas na estrada EP-8403, que comunica Cuntis e Alto da Cruz, á altura da Casiña e neste víronse implicados dous vehículos, un Seat León e un Renault Clio. O Seat León conducido polo agora imputado colisionou por alcance co Clio que levaba o falecido, provocando que saíse da vía e acabase dando varias voltas de campá e envorcando.
O equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico someteu o condutor que resultou ileso á proba de alcoholemia, dando un resultado positivo de 0,70 e 0,68 miligramos de alcohol por litro de aire espirado. Ademais, os axentes instrutores do atestado consideraron que a súa condución foi temeraria e constitutiva dun homicidio por imprudencia grave. Por non axudar a socorrer o outro condutor atribúenlle a omisión do deber de socorro.