Falece un mozo nun accidente en Cuntis e imputan por conducir ebrio o condutor do outro coche implicado
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra imputou por un presunto delito de homicidio por imprudencia grave un veciño de Cuntis que conducía baixo os efectos do alcohol cando se viu implicado nun accidente de madrugada no que faleceu outro mozo da localidade.
O falecido é E.F.C., un rapaz de 20 anos de idade que, segundo fontes consultadas, non levaba posto o cinto de seguridade no momento do sinistro.
No outro vehículo implicado circulaban dúas persoas que resultaron ilesas. O sinistro produciuse sobre as 4.30 horas na estrada EP-8403, que comunica Cuntis e Alto da Cruz, á altura da Casiña e neste víronse implicados dous vehículos, un Seat León e un Renault Clio. O condutor do Clio faleceu como consecuencia da colisión.
O equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico someteu o condutor que resultou ileso á proba de alcoholemia, dando resultado positivo. O mozo, A.Z.B., de 29 anos, foi imputado por un delito de homicidio por imprudencia grave.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o coche conducido polo falecido deu varios voltas de campá e acabou envorcando. O condutor quedou atrapado e faleceu dentro do coche. Para poder sacalo deste, foi necesaria a intervención de efectivos do parque comarcal de bombeiros do Salnés e de Protección Civil da Estrada, que tiveron que excarceralo.
O 112 mobilizou ata o lugar do sinistro a efectivos de Protección Civil e o GES da Estrada, Bombeiros do Salnés, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Cuntis, que se encargou das tarefas de limpeza da vía. Urxencias Médicas, que xa tiña constancia do suceso, tamén desprazou medios á zona.