Deteñen un veciño de Poio por roubar un coche e empotralo contra un muro no Pontillón sen ter carné
Por Natalia Puga
O Grupo de Información da Agrupación de Tráfico (GIAT) da Garda Civil de Pontevedra imputou a un veciño de Poio como presunto responsable dun delito de roubo e detivo a outro polo mesmo roubo e por un delito contra a seguridade vial ao determinar que ambos os dous participaron na subtracción dun coche nunha rúa de Pontevedra e, logo, tiveron un accidente con el na zona do Pontillón do Castro cando o conducía un condutor sen carné.
O desencadeante da súa detención e imputación foi un accidente de tráfico acontecido sobre as 2.45 horas da madrugada do luns 13 ao martes 14 de xullo. Un turismo no que, segundo as testemuñas, circulaban catro persoas saíuse da vía e encaixouse contra un muro. O condutor e dous ocupantes que non lograron ser identificados fuxíronse deixando atrás ao cuarto ocupante, o poiense J.J.S.S., que estaba ferido e foi finalmente imputado.
Xusto tras o accidente, foi atendido por outras persoas alleas a este vehículo. Á chegada da Garda Civil de Tráfico abriuse unha investigación para localizar o resto dos ocupantes e para aclarar a orixe do coche. Puideron comprobar que fora roubado previamente en Pontevedra e os seus propietarios formularan a correspondente denuncia na Comisaría Provincial da Policía Nacional.
As investigacións do GIAT deu resultado coa localización do condutor, o tamén veciño de Poio D.R.J.S.. Os axentes determinaron que o ferido e este segundo individuo participaron no roubo con forza do vehículo, delito polo que imputaron ao primeiro e detiveron ao segundo.
A D.R.J.S. tamén o detiveron por un segundo delito, se é o caso contra a seguridade vial con resultado de lesións, pois o encaixou cando o conducía sen carné porque non o obtivera nunca. Por estes feitos, xa instrúe dilixencias o Xulgado de Garda de Pontevedra.