Viticultores de Rías Baixas levan sen cobrar as súas uvas dende a colleita de 2011
Por Natalia Puga
Os máis de 6.000 viticultores que adoitan vender uvas ás adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas acumulan non pagamentos dos seus produtos de ata catro anos. A "moitos" deles as adegas aínda non lles pagaron as que lle venderon durante a colleita do ano 2011 e, de media, cobran cun atraso de dous anos.
Así o deron a concer este martes o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; o responsable do sindicato na DO Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo; e o responsable comarcal de UGT, Ramón Vidal, nunha comparecencia na que alertaron de que estes atrasos nos pagamentos están a levar a moitos viticultores de Rías Baixas a "tirar a toalla", pois resúltalles inasumible asumir por si mesmos os custos de produción de ata tres colleitas sen cobrar ningunha. Tan só algunhas pequenas adegas pagan no ano aos seus provedores e a "situación xeneralizada" é o atraso nos aboamentos.
Esta dramática situación pola que pasa o sector é, se cabe, máis grave se se ten en conta que se produce nun momento en que a Lei de Cadea Alimentaria obriga ás adegas a asinar un contrato cos viticultores que lles vendan máis de 2.500 euros antes de cada vendima fixando aspectos como o prezo e a data de entrega das uvas. Dende que entrou en vigor esa normativa, o 1 de xaneiro de 2014, na DO Rías Baixas non se asinou ningún contrato.
Roberto García criticou que o Ministerio de Agricultura non tomase cartas no asunto a pesar de que en máis dun ano e medio ningún adegueiro cumpriu a lei e anunciou que dende Unións Agrarias "imos utilizar toda a forza que nos da lei para denunciar todas e cada unha das adegas que incumplen os contratos". Segundo indicou, non levará o tema aos xulgados, senón ante o órgano de control habilitado polo ministerio para o seguimento do cumprimento da lei.
Ademais de denunciar a ausencia de contratos, dende Unións Agrarias avanzan que "seremos belixerantes" con outro aspecto da lei, o que establece que o pagamento da uva debe facerse nun prazo máximo de 30 días. O sindicato admite que a interpretación da lei pode levar a pensar que eses 30 días se contan dende que se aprobe ao colleita e non dende a vendima, pero sinalan que, en todo caso, ese prazo non podería ir máis alá do 30 de xaneiro do ano seguinte á colleita e nunca con dous ou tres anos de atraso.
Roberto García recorda que non asinar os contratos debería levar consigo que se abrise expediente ás adegas e unha sanción inicial de 3.000 euros estipulada pola lei e, se se insiste nesa desobediencia, o ministerio debería aplicar sancións máis graves aos bodegueiros. No caso dos atrasos no pagamento, por normativa son sancións graves que deberían levar consigo sancións de entre 3.000 e 100.000 euros.
Relacionadas:
-
Os viticultores de Rías Baixas fixan os custes de producción entre 1,10 e 1,25 euros o quilo de uva
Por Oskar Viéitez |
-
Os viticultores farán 'escrache' ás adegas que compren uva por debaixo do prezo de produción
Por Oskar Viéitez |
-
Unións Agrarias pide á Xunta que impulse os contratos na Denominación de Orixe Rías Baixas
Por Redacción |
-
Unións Agrarias reprocha á Xunta que priorize os adegueiros fronte aos viticulores na D.O. Rías Baixas
Por Redacción |