Os viticultores farán 'escrache' ás adegas que compren uva por debaixo do prezo de produción
Por Oskar Viéitez
A poucos días de que conclúa a vendima e ante a falta dun prezo mínimo pactado por todo o sector, o sindicato Unións Agrarias advirte que fará "escrache" contra aquelas adegas que non respecten os custos de produción na Denominación de Orixe Rías Baixas.
A vendima de 2014 é a primeira na que se debe aplicar a Lei de mellora da cadea alimentaria, en vigor dende o pasado 3 de xaneiro, que contempla como obrigatorio formalizar contratos por escrito cun produtor primario, como é o viticultor, con motivo da entrega de produtos agroalimentarios non transformados, é dicir a uva, salvo que estes se abonen ao contado.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, denunciou a "complicidade necesaria" da Xunta "por non velar polo funcionamento transparente do mercado" xa que a estas alturas "non hai prezos, nin contrato, nin tampouco negociación".
Segundo trasladaron dende a Xunta, o secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron o pasado venres varias reunións cos membros do sector do viño desta denominación de orixe, tanto bodegueiros coma viticultores, para analizar a situación.
Os custos de produción foron maiores do habitual, segundo o sindicato agrario
Espérase que a vendima deste ano conte con menor produción que en campañas anteriores, chegando aos 20 millóns de quilos. Ademais, os custos de produción foron maiores do habitual. Segundo os responsables autonómicos, "o sector é sensible a esta realidade", dixo Fernández Couto, "polo que nos alegra que houbese unanimidade entre os membros do sector en que o prezo da uva estea, como mínimo, por enriba destes custos de produción".
Por este motivo o sindicato Unións Agrarias, conxuntamente co resto de organizacións agrarias, decidiron dar un prazo de dez días para convocar a Mesa do Viño e plasmar ese compromiso nun acordo por escrito no que se recolla un contrato homologado no que conste, entre outras cuestións, o prezo da uva, con expresa indicación de todos os pagamentos, incluídos os descontos aplicables.
Ao ser a uva destinada a viño un produto de alimentación fresco e perecedoiro, a lei tamén inclúe que os aprazamentos de pagamento desta non poderán exceder de 30 días a partir da data da entrega da mercadoría.
De non se cumprir con estes compromisos neste prazo este sindicato trasladaría este incumprimento da Lei á Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente encargado de velar polo cumprimento da nova normativa.
Ademais advirten que poñerán en evidencia mediante escraches, a actitude daquelas adegas que compren uva por debaixo do prezo de produción para revelar ao público este comportamento ilegal e que non pase desapercibido ao consumidor.
"ÿ bo apelar ao consumidor porque el é quen ten a vara máxica, non é o xuíz senón o consumidor", concluiu Roberto García.
Relacionadas:
-
Viticultores de Rías Baixas levan sen cobrar as súas uvas dende a colleita de 2011
Por Natalia Puga |
-
A Denominación de Orixe Rías Baixas acada as súas estimacións nesta vendima
Por Redacción |
-
Remata a vendima en Rías Baixas con menos cantidade pero maior calidade
Por Oskar Viéitez & Juan Mejuto | Creada e actualizada
-
Os viticultores de Rías Baixas fixan os custes de producción entre 1,10 e 1,25 euros o quilo de uva
Por Oskar Viéitez |
-
Entre 20 e 25 millóns de quilos de uva, previsión para a vendima na D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Os produtores denuncian o "engano" da Xunta ao non convocar a mesa do viño antes da vendima
Por Anxo Lourido |
-
A vendima en Rías Baixas "collerá ritmo" en próximos días e dará traballo a uns 5.000 xornaleiros
Por Alejandro Espiño |
-
As chuvias deste verán provocarán unha mingua de ata un 10% na colleita de albariño
Por Redacción |