As chuvias deste verán provocarán unha mingua de ata un 10% na colleita de albariño
Por Redacción
Os técnicos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas alertan de que a meteoroloxía inestable, coa presenza de chuvias, durante as últimas xornadas causará unha mingua de entre un 5% e un 10% de uva este ano. A finais de xullo estimábase que a colleita chegaría a uns 25 millóns de quilos de uva pero o mal tempo provocou que se moderen estas previsións de cara á próxima vendima.
As precipitacións frecuentes e a ausencia de anticiclóns estables propiciaron nas últimas semanas unha humidade relativa moi elevada que provocou un repunte dos ataques de mildeu. Segundo os técnicos de Rías Baixas, a incidencia deste fungo é xeneralizada, sobre todo na subzona do Salnés. O mildeu está a afectar sobre todo a viñedos das parcelas de menor tamaño que están situadas nas zonas máis frescas e húmidas e con chans máis profundos.
A incidencia da praga sobre a folla ten consecuencias na maduración. Segundo apuntan dende a D.O. Rías Baixas, o envero ten retardado e podería atrasarse ao redor dunha semana sobre o previsto, o que podería provocar cambios no inicio da vendima.
Esta situación súmase a que a produción deste ano estivo especialmente condicionada por un inverno morno e por unha primavera con máis presenza de chuvia que durante o ciclo anterior. A temperatura media "bastante alta" do inverno, practicamente sen xeadas, propiciou unha taxa de brotación inferior á de 2013, ao terse visto afectado o índice de fertilidade das xemas xermoladas. A chuvia abundante da primavera orixinou minguas considerables por corremento na etapa de floración.
Relacionadas:
-
Remata a vendima en Rías Baixas con menos cantidade pero maior calidade
Por Oskar Viéitez & Juan Mejuto | Creada e actualizada
-
Os viticultores farán 'escrache' ás adegas que compren uva por debaixo do prezo de produción
Por Oskar Viéitez |
-
Os produtores denuncian o "engano" da Xunta ao non convocar a mesa do viño antes da vendima
Por Anxo Lourido |
-
A vendima en Rías Baixas "collerá ritmo" en próximos días e dará traballo a uns 5.000 xornaleiros
Por Alejandro Espiño |
-
A escaseza de días de frío durante o inverno reducirá a colleita de albariño
Por Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas remata a segunda mellor colleita da historia, con 33 millóns de quilos de uva
Por Redacción |