Os ambulantes aplauden a autorización para poder celebrar o mercadiño o sábado festivo
Por Oskar Viéitez
A Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos, que preside Jesús Francisco Romero Alvite, ven de emitir un comunicado no que aplaude a decisión do novo responsable dos mercadiños en Pontevedra, o edil Vicente García Legísima, de autorizar a celebración da feira ambulante o próximo sábado día 25 de xullo, día festivo.
"Despois de catro anos de parasitismo inducido, algo comeza a funcionar en positivo", salienta esta asociación no seu escrito difundido aos medios.
Este colectivo de ambulantes mantivo dúas reunións con membros do goberno municipal, e celebra que "non foron tempo perdido".
"Agardamos esperanzados poder continuar dando pasos, sorteando mais de cen postos vacantes en Estribela e Pontevedra, ou a volta do mercadiño ao casco urbano, que será sempre a nosa eterna reivindicación", apuntan.
Coa mesma "esperanza", dende a Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos contan que "os nosos amigos-clientes", acudan este sábado ó mercadiño de Pontevedra, "como un principio de recuperación dún mercadiño que estivo políticamente saboteado e que intentaremos que volva a ser un mercadiño acorde co que se merece unha gran cidade capital de provincia e na que os mercadiños ambulantes históricamente sempre tiveron un fondo arraigo", conclúen.