Un cactus para renovar a frota da Policía Local
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta tarde de dez vehículos á Policía Local dos concellos pontevedreses de Bueu, Caldas de Reis, Cambados, A Estrada, Mondariz, As Neves, Poio, Tomiño, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.
O acto tivo lugar na delegación da Xunta en Pontevedra e o vehículo elixido é o Citroën C-4 Cactus.
"Hai seis anos que non se producía unha entrega de vehículos coma esta", salientou Rueda.
As entregas destes vehículos estanse a realizar ao abeiro dunha orde de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dotada de máis de un millón de euros "o único requisito que puxemos é que tiveran vehículos para renovar".
Ata o momento, xa se levan entregado trinta e tres vehículos aos corpos da policía local de distintos concellos coruñeses e pontevedreses. Ademais faranse entrega doutros 50 vehículos para as agrupacións de Protección Civil e outras tantas furgonetas.
No acto de entrega, Rueda destacou a importancia desta dotación por parte da Xunta, que permite mellorar os medios técnicos e a mobilidade destes corpos locais, e polo tanto prestar un servizo mellor e máis rápido á cidadanía.