Vinte anos de "comer, beber, bailar e disfrutar" no Festixeve
Por Redacción
Díxoo a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación do evento, e rigorosamente cumprírono os veciños de Xeve.
"Comer, beber, bailar e disfrutar", diso trátase no Festixeve, unha romaxe de carácter laico que leva xa 20 anos celebrándose baixo a organización da Asociación Recreativa Xeve.
Unha vez máis a concelleira estaba no certo, pois no campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve, reina o bo ambiente durante toda a fin de semana.
O Festixeve arrancou o sábado cunha xornada de inchables para os máis pequenos e unha cea coa actuación musical de Amigos do Acordeón das Rías Baixas, a banda de baile Asalto Foula e os Festicultores Troupe.
Para o domingo, o día en que tradicionalmente acoden máis persoas á festa, quedou reservado o xantar popular na carballeira, ademais dunha nova xornada de inchables e a actuación de Olodum do Coio e a charanga Os Encerellados de Campo Lameiro.