Pelepau, Astarot, Os Fervellos do Pío, Migallas e o Dúo Marema, no Festixeve 2016
Por Redacción
A 'romaría laica' volve esta fin de semana a Xeve cunha programación festiva que xa empeza este xoves 21 de xullo con actividades para nenos no campo de Vilar de Fragoso, en Santo André, pero ten os seus días centrais o sábado 23 e o domingo 24 cun 'xantar popular' e os concertos do Festixeve.
A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, e o presidente da asociación Recreativa Xeve, Florencio Chantrero, presentaron este mércores a programación desta festa organizada polos veciños da parroquia e que este ano terá un fin de festa o domingo 24 con acento da propia parroquia.
Haberá a habitual comida no campo con xogos populares durante todo o día e, pola tarde, completarase con degustación de empanada e rosca mentres o público goza da actuación do grupo Os Fervellos do Pío e cun fin de festa da banda Migallas e o Dúo Marema. Os tres grupos teñen gran vinculación coa parroquia de Xeve, dous por ser orixinarios da parroquia e Migallas porque rodou un dos seus videoclips na zona.
O sábado 23 os actos centrais do día comezarán a partir das 22.00 horas co concerto dos grupos Pelepau, Astarot e DJ, pero xa desde antes haberá unha carpa con mesas en Vilar de Fragoso para que os participantes poidan comer ou cear e un pulpeiro completará a oferta festiva. Desta xornada, Carme da Silva destaca a actuación de Astarot, un grupo de metal en galego que "levaban anos querendo traer".
O Festixeve chegará este ano á súa XXI edición co mesmo espírito que en anos anteriores e, do mesmo xeito que nos meses de xullo dos últimos anos, coa previsión de que o domingo será o día de maior afluencia. Ademais, os seus organizadores lanzan un consello aos asistentes: para ir a Vilar de Fragoso, a pesar de que faga bo tempo, non hai que esquecerse de levar unha chaqueta, pois as temperaturas baixan sensiblemente baixo a carballeira.