A Audiencia dá a razón a un pontevedrés que deixou de pagar un préstamo bancario ao quedar no paro
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra deu a razón a un pontevedrés que, tras quedar no paro, non podía asumir un préstamo persoal e apelou a que subscribira un seguro de protección de pagamentos para non aboar toda a cantidade que debía. O banco reclamou, pero o tribunal provincial desestimou a manda ao entender que reclamar a devolución do préstamo directamente ao cliente cando se produciu o evento cuberto polo seguro entraña un exercicio antisocial do dereito que a Xustiza non pode amparar.
A sentenza da Sección Primeira da Audiencia, da que é relator o maxistrado Manuel Almenar Belenguer, supón un reforzo á protección do debedor nos préstamos asociados a seguros de vida ou de protección de pagamentos ofrecidos pola propia entidade bancaria. Conclúe que a entidade bancaria debe reclamar a compañía aseguradora e non o cliente debedor.
O cliente que acaba de gañar a batalla ao Banco Santander subscribiu un préstamo persoal por importe de 9.623,12 euros a devolver nun prazo de seis anos. A entidade bancaria condicionou a concesión do crédito a que subscribise un seguro de vida ou de protección de pagamentos, cunha compañía aseguradora conreta que a propia entidade de crédito impuxo. Nos primeiros anos fixo fronte aos pagamentos, antes de que rematase de pagar, a empresa na que traballaba como soldador lle comunicou que non lle renovaba o seu contrato, de modo que lle comunicou a súa nova situación ao banco e pouco despois empezaron os non pagamentos. O banco reclámallos.
Os maxistrados da Audiencia entenden que se o banco obriga o cliente a contratar un seguro e o prestamista non pode pagar as cotas mensuais como consecuencia de ter acontecido o risco asegurado (falecemento, perda do emprego, incapacidade temporal ou definitiva...), o banco haberá de reclamar o pagamento á compañía coa que se contratou o seguro, sen que poida dirixirse directamente contra o cliente debedor.
A sentenza sostén que "cabe fundadamente concluír que a decisión, neste caso do Banco de Santander, de exercitar directamente a acción xudicial contra o prestamista en lugar de reclamar previamente contra o asegurador, co que negociara e formalizado a póliza de seguro, non respecta as esixencias da boa fe nin, dende logo, resulta acorde co exercicio razoable do seu dereito, incorrendo nunha actuación que, aínda que formalmente amparada na lei, entraña uns efectos socialmente indesexables".