Folga intermitente e indefinida das ambulancias
Por Oskar Viéitez
Folga intermitente e indefinida das ambulancias. Intermitente porque se desenvolverá só os xoves e venres, e indefinida porque está convocada ata que a patronal do sector e os traballadores cheguen a un acordo sobre as súas condicións laborais.
Os traballadores adoptaron a decisión de acudir á folga ao terminar sen acordo a reunión mantida hoxe no Consello de Relacións Laborais da Xunta, en Santiago de Compostela.
Así o anunciaron os portavoces de Comisións Obreiras, UGT e CIG, Marcos Rodríguez, ÿscar Vázquez e Ernesto López, respectivamente.
Os traballadores temen quedarse sen convenio e perder todos os dereitos adquiridos nos últimos anos, o que suporía unha rebaixa do 25% nos salarios.
A Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) reitera que a súa oferta 'inclúe as principais demandas expostas polos traballadores ao inicio da negociación'. Garantindo todos os postos de traballo, maior poder adquisitivo para os traballadores co aumento do 1% anual mentras estea en vigor o convenio e o mantemento das actuais condicións laborais en temas como asuntos propios, xornadas e horarios', sinalan nun comunicado.
O sector das ambulancias en Galicia está conformado por unhas 70 empresas que dan emprego a uns 1.400 traballadores.
A folga "intermitente e indefinida" apenas terá repercusión nos usuarios a xulgar polos servizos mínimos fixados pola Consellería de Sanidade, que segundo os sindicatos serán do 100% en atención urxente prestada a través do 061, tamén para tratamentos de oncología e diálisis.
En canto ao resto de servizos os servizos mínimos serán do 50%, tanto en traslados inter como intrahospitalarios.