Con atraso e peor dotado, pero á fin chega o ARI do centro histórico
Por Oskar Viéitez
Despois de tres anos de atraso, o concelleiro responsable de Obras no Concello de Pontevedra, Luis Bará, anunciou que o Concello de Pontevedra recibiu nestes días a confirmación da aprobación e a inmediata posta en marcha do ARI do centro histórico co propósito de axudar economicamente aos particulares para que poidan restaurar os seus inmobles.
En outubro do ano 2012 foi outorgada pola Xunta o Area de Rehabilitación Integrada á zona monumental de Pontevedra, un plan cuatrianual que agora tamén ve reducida a súa dotación económica respecto á cantidade inicialmente solicitada por parte do Concello, que ascendía a 6 millóns de euros.
A partida económica concreta que recibirán os dous ARI do municipio, o do casco vello e o de Estribela, queda en 2,1 millóns de euros, dentro do novo Plan Estatal de Vivenda do Ministerio de Fomento e a Xunta.
Segundo explicou Bará, estes fondos destinaranse a reformas en 27 edificios, para obras integrais de rehabilitación, cambio de cubertas ou reparacións de fachadas ou melloras das condicións de habitabilidade.
Tamén se inclúen tres actuacións urbanas nas rúas Pratería Vella, Tristán de Montenegro, e na praza de Valentín García Escudero.
Estas obras formarán parte da orde do día da próxima xunta de goberno local na que se resolverán todos os trámites para que "canto antes" póidase asinar o convenio correspondente con Fomento como da Xunta.
Bará criticou o atraso deste ARI "que obriga a executar en pouco máis dun ano estas actuacións" e lamentou a "redución substancial" dos fondos respecto á cantidade solicitada.
Relacionadas:
-
Aproban as bases para solicitar as axudas dos ARI de Estribela e o centro histórico
Por Redacción |
-
O Concello agarda que o ARI do centro histórico sirva como "estímulo" para os propietarios
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pastor asina os convenios para a rexeneración de varias áreas urbanas
Por Redacción |
-
O Concello propón un investimento de seis millóns de euros no ARI do centro histórico
Por Redacción |
-
O Concello propón rehabilitar 67 vivendas e investir 658.000 euros na nova fase do ARI de Estribela
Por Redacción |
-
A rúa César Boente languidece entre as ruínas e a burocracia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |