Do kiwi aprovéitase todo... ata os restos de poda
Por Redacción
Os restos de poda que que nas plantacións de kiwis e as froitas que se descartan porque non poden ser comercializadas poden ter un novo uso, pódense converter en fonte de enerxía ao transformarse en biocombustibles. Esa é a conclusión do investigador da Universidade de Vigo Rubén Rodríguez, que estuda na súa tese de doutoramento diferentes métodos para a súa conversión en biomasa ou o seu uso para a produción de etanol.
O investigador conclúe que por cada 100 quilos de froita que se obteñen nunha plantación de kiwis xéranse outros 83 de restos de poda, que, polo xeral, rematan converténdose en refugallo, ao igual que acontece co 23% da froita colectada.
Tras analizar os datos de produción nos cinco principais países produtores de kiwis no mundo, concluíu que nestes países desperdícianse de media unhas 237.000 toneladas de froita que, ben por defectos ou ben por non adaptarse aos "valores comerciais", non serían comercializadas e 695.000 de restos de poda, que poderían converterse nun combustible cun rendemento enerxético que equivalería no seu conxunto ao uso de máis de 400 millóns de litros de gasolina.
Este estudante da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra sostén que "a transformación deste refugallo provocaría múltiples vantaxes" e presenta o aproveitamento dos residuos agrícolas para a produción de biocombustibles como unha "alternativa viable desde o punto de vista técnico, altamente relevante naqueles países cunha agricultura desenvolvida, que ademais posúen unha alta dependencia de combustibles fósiles".
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, na súa tese 'Características e parámetros analíticos para a obtención de biocombustibles a partir de residuos na produción industrial de Actinidia chinesis’ este enxeñeiro pon sobre a mesa diferentes alternativas para o aproveitamento enerxético destes residuos, "analizando tanto as posibilidades naturais, como as metodoloxías químicas". Parte das probas que realizou nunha plantación na provincia de Pontevedra, onde se xera máis do 60% dos kiwis que se comercializan en España, e das análises de laboratorio que levou a cabo en Italia, principal produtor de kiwis do mundo.
Non obstante, tamén deixa claro que o posible aproveitamento destes subprodutos xerados nas plantacións ten tamén unha serie de desvantaxes, como que o kiwi sexa un produto estival, "o que implica que estes subprodutos só estarán dispoñibles nun determinado momento do ano, o que pode condicionar o investimento necesario para a elaboración dos biocombustibles", así como o feito de que, nalgúns casos, "a cantidade non será suficiente para a fabricación de biocombustibles a grande escala".