Juan Manuel Loureiro asume a presidencia da Federación Castelao
Por Oskar Viéitez
O local social da Federación de Veciños Castelao acolleu este sábado a presentación da nova Xunta Directiva que estará ao frente da federación nos vindeiros tres anos e que ten coma presidente a Juan Manuel Loureiro Taibo, da Asociación veciñal San José de Campolongo.
Xunto a el está coma vicepresidente o anterior titular desta federación, Verísimo Pazos; coma secretario, Jaime Acuña Soto (A.VV Estriceres); vicesecretario, Ramón López Lage (A.VV. Héroes do Campo da Porta); tesoureiro, Celso Sánchez García (A.VV. Santo Paio de Campañó) e vicetesoureira, Milagros Iglesias Fontán (A.VV. Os Tres Pinos).
Juan Manuel Loureiro agradeceu a confianza depositada nel para este novo reto e situou entre os principais retos para esta etapa "facer efectivo e real" o Reglamento de Participación Cidadana do Concello de Pontevedra e ter voz na configuración duns Orzamentos Participativos coma comprometeu o goberno local.
Ademáis asume o reto de impulsar a unión de todo o movemento veciñal, ainda que "á hora da verdade nos asuntos importantes as tres federacións imos da man". Para elo Loureiro cre oportuno rematar coas "envexas" entre os veciños en referencia a eses comentarios que xurden "cando se invisten cartos alí porque non se investiron aquí", afirmou.
Ademáis seguirán coas súas reivindicacións na defensa da Sanidade Pública, pola marcha de Ence da ría de Pontevedra á que "entre todos témoslle que buscar a fábrica unha alternativa na comarca". Tamén seguirán a demandar un novo mapa de zonificación escolar, unha solución para o colapso da depuradora de Os Praceres, e intentarán recuperar "o espírito da Mesa M-4" que reuniu a todas as administracións con intereses na cidade para planificar o futuro das infraestrucutras.