O volei deixa sen praia aos usuarios de Xiorto
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular di ter recollido as queixas de usuarios da praia de Xiorto pola celebración dun torneo de voley praia no areal.
"Escolleron xusto o primeiro fin de semana de agosto, cando coinciden os turistas que aínda non marcharon cos que acaban de chegar", comentou o voceiro do Partido Popular, Ángel Moldes, que asegura que "non parece moi razoable inutilizar así a praia durante as horas de sol e máxima afluencia de bañistas".
O PP local cre que debería terse escollido outro momento e hora, e lamentaron a improvisación do goberno municipal. "Nós sempre apoiamos a celebración de eventos deportivos en Poio, pero todo ten o seu momento e lugar", comentou Ángel Moldes.
O grupo da oposición en Poio considera que "normalmente" cando se fan estes torneos se programan para despois das 20 horas, cando a afluencia de bañistas é menor, "e para días sen tanto turismo e coa marea máis baixa, para que haxa espazo para todos", engaden.
Como conclusión, o PP de Poio calificou coma "vergoñosa" a imaxe do Concello dende o punto de vista turístico.