O BNG de Marín insta ao goberno local a cumprir coa obriga de dar auga a todos os veciños
Por Redacción
O BNG de Marín insta de novo ao goberno local a preocuparse pola falta de auga que están a sufrir os veciños de Seixo e a dar solución ao problema este verán.
Nun comunicado de prensa, os nacionalistas piden á concelleira responsable deste servizo que escoite aos veciños afectados. "Instamos de novo a señora Sanmartín a cumprir coas indicacións de Augas de Galicia e a facer un uso responsable da auga, que pasa, evidentemente, por non empregar auga potable para chorrear as rúas, especialmente en época de seca e cando un gran número de persoas do noso municipio non teñen acceso a ela nin sequera para ducharse ou lavar a roupa", din no seu escrtio.
Segundo o Bloque a resposta da concelleira "apunta a que está a sacrificar aos veciños de Seixo, que ela cualifica de ‘poucos’, para xustificar o macroproxecto de Acuaes". O Concello de Marín está a investir 3,3 millóns de euros "nunhas obras que se anunciaron en 2011 e que aínda se acaban de iniciar para encher os depósitos coa auga de Pontevedra en lugar de apostar polos recursos propios".
Lembra a voceira nacionalista, Pilar Blanco que "o depósito de Mogor foi clausurado, os mananciais abondonados xunto co grupo de presión de Seixo, e cos excedentes da Escola Naval xa non se conta (e de feito xa non se aproveitan para encher o depósito de Cadro) que precisamente debería alimentar ás vivendas afectadas pola falta de auga".
O BNG asegura que "tiña unha solución e levouna a cabo", a instalación dun grupo de presión para dar auga as zonas afectadas. Proxecto que o goberno actual recibiu rematado hai catro anos pero que non quixo poñer en funcionamento porque "la solución definitiva es el proyecto de Acuaes", lamentan os nacionalistas.
Dende o BNG insisten en que queda "aínda moito verán, en que estamos en prealerta de época de seca e en que o Concello ten a obriga de facer un uso reponsable da auga e de abastecer todos os veciños. Para iso é preciso deixar a un lado os caprichos políticos e botar man das solucións ao seu alcance veñan de que quen veñan", conclúen.
Relacionadas:
-
Critican ao Concello de Marín por chorrear as rúas con auga potable mentras os veciños sofren restriccións
Por Redacción |
-
O goberno local de Marín non ten solucións inmediatas para resolver o problema da falta de auga en Seixo
Por Redacción |
-
Medio Ambiente inicia as obras de mellora do abastecemento a Marín
Por Redacción |
-
Veciños de Seixo acumulan semanas de restricións de auga
Por Redacción |