Veciños de Seixo acumulan semanas de restricións de auga
Por Redacción
Os problemas de subministración de auga volveron a Seixo. Levan xa varias semanas, pero incrementáronse nesta semana e están a provocar, segundo recoñece o Concello de Marín, "restricións importantes" nas partes altas de Seixo, onde xa é habitual que nos meses de verán se desta circunstancia. Para buscar unha solución, a Administración local, os técnicos e os veciños da zona reuniranse o próximo luns 27 de xullo ás 12.00 horas na Casa de Cultura de Seixo.
Segundo recoñeceu o Concello, "son moitas as chamadas e os veciños que se puxeron en contacto co concello". Entre os que fixeron chegar a situación á alcaldesa, María Ramallo, está o BNG de Marín, que pediu que as autoridades locais se reunisen cos veciños que teñen problemas.
Tras a petición do BNG, convocouse a citada reunión, na que os técnicos que levan días traballando na busca de solucións explicarán a situación aos afectados. A cita estará aberta a todas aquelas persoas que poidan acudir. Informaráselles sobre a situación e a falta de presión da rede de subministración.
Nos últimos días esa información xa foi trasladada tamén aos responsables da empresa de Refrescos do Atlántico, que, debido á maior produción e consumo de auga, están a ter problemas para sacar adiante a produción.
María Ramallo adiantou que "se están a habilitar solucións para tratar de que os efectos non sexan de maior calado". O BNG explica que hai veciños que levan xa "semanas padecendo serias restricións de auga", que lles obrigan a non poder facer uso dos electrodomésticos e mesmo da ducha.
Relacionadas:
-
O BNG de Marín insta ao goberno local a cumprir coa obriga de dar auga a todos os veciños
Por Redacción |
-
Critican ao Concello de Marín por chorrear as rúas con auga potable mentras os veciños sofren restriccións
Por Redacción |
-
O goberno local de Marín non ten solucións inmediatas para resolver o problema da falta de auga en Seixo
Por Redacción |