Feridas tres persoas atropeladas nunha concentración de motos en Vilagarcía
Por Redacción
Tres persoas do público que asistían á concentración moteira de Fexdega, celebrada en Vilagarcía de Arousa, resultaron feridas ao ser atropeladas despois de que un dos pilotos perdese o control do seu vehículo.
En concreto, conforme indicou o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o accidente tivo lugar sobre as 0,30 horas da madrugada deste domingo durante a concentración de motos que se celebra no recinto vilagarciano.
Ao lugar acudiron os servizos de Urxencias Médicas 061, que trasladaron aos feridos, dúas mulleres e un home, en ambulancias ao centro hospitalario de referencia para que recibisen atención médica.
Tamén se mobilizaron efectivos de Protección Civil de Vilagarcía, o grupo de emerxencias local así como efectivos das forzas e corpos de seguridade.