O PP de Poio pide a intervención da Policía Local para reducir os atoamentos na PO-308
Por Redacción
As retencións que, como cada ano, se producen nestas datas na estrada PO-308 ao seu paso por Poio, levou ao voceiro popular do municipio, Ángel Moldes, a solicitar a intervención da Policía Local.
Segundo Moldes "con moita frecuencia os condutores sofren enormes retencións nos arredores de Combarro para encontrarse con estradas baleiras ou moi fluídas uns metros máis adiante, o que indica que a utilización da Policía Local en zonas e horas específicas sería suficiente para solucionar gran parte o problema".
O punto negro de atoamentos, que se agudiza en horas puntas como a saída das praias, se localizaría entre A Seca e o Froiz de Combarro en sentido Sanxenxo e dende Chancelas ata Combarro en sentido Pontevedra, onde "se producen retencións quilométricas sen que o Concello mobilice a un só axente da Policía Local", quéixase o voceiro popular.
Por esta situación Ángel Moldes reclama a aplicación dun plan de mobilidade específico para o verán, como sucede en municipios veciños como Sanxenxo onde "nos lugares con maiores retencións como na rúa Progreso o goberno municipal despregou axentes da Policía Local e o resultado é moitos menos atoamentos e unha circulación máis fluída", asegura o voceiro popular.