Vinte feirantes en pé de guerra: "Que busquen una solución, nos han dejado sin trabajo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Están "enfadados" coa situación. Están "preocupados" polo que pode supoñer isto para a súa economía. Están "desesperados" porque non encontran solución. E están perdidos porque xa o intentaron de todas as formas posibles e seguen sen saber que facer. Son un grupo de vinte familias que se dedican profesionalmente a vender por festas e feiras de toda España e que esta semana chegaron a Pontevedra coa intención de instalar os seus postos no Paseo de Montero Ríos, pero, cando chegaron, encontráronse con que non había xa postos dispoñibles e non podían desenvolver a súa actividade. Intentaron pedir axuda no Concello e dialogar coas tres persoas que teñen a metade dos sitios dispoñibles, pero, a un día de que empecen as festas da Peregrina, seguen sen respostas.
Marta e Rocío dan o seu nome para falar en representación de todos eles, pero son moitos máis. Dende o martes, cada día xúntanse en Montero Ríos e acoden ao Concello para pedir reunirse con algunha persoa responsable, pero non tiveron éxito. As festas van empezar e, se a administración local non toma cartas no asunto, non poderán montar os seus postos e terán perdido máis de dúas semanas de traballo e de ingresos, de aí que optasen por acudir á prensa, "a ver si alguien nos ayuda".
Estes feirantes, case todos eles de orixe peruana, piden ao Concello "que busquen una solución" para que poidan montar os seus postos a pesar de que a poxa para a súa repartición se fixo antes de que eles chegasen a Pontevedra e de que xa non queda dispoñible ningún dos espazos que se habilitaron. Pola súa banda, dende o goberno local sinalan que as adxudicacións fíxéronse seguindo a normativa vixente que non impide que un feirante quede con numerosos postos de venda para a súa explotación. O ilegal sería que eses postos foran realugados a otros feriantes. De producirse, esa situación sería controlada pola inspección e procederíase á denuncia, segundo apuntan dende o Concello.
Estes feirantes sustentan as súas queixas na súa experiencia de varios anos traballando nas Festas da Peregrina. Algún leva vindo ata 19 anos e o resto unha media de entre cinco e doce anos e aseguran que ata agora os postos dispoñibles sempre se sorteaban o venres do inicio das festas, pero este ano o sorteo se realizou a semana anterior, de modo que eles, que veñen dende Madrid, San Sebastián ou Valencia, non estaban en Pontevedra e non puideron optar a ningunha praza."Lo lógico es que nos hubiesen avisado a los que venimos todos los años de que el sistema era distinto", critican.
Ademais, cuestionan o sistema en que se realizou a poxa de postos, pois na carpa cuberta instalada en Montero Ríos hai 32 ocos dispoñibles, repartíronse 30 e 16 están en mans de tan só tres persoas. Hai un home, de orixe marroquí, que ten el só nove postos e aseguran que, ademais, agora intenta revenderllos por un prezo moi superior ao real de adxudicación por parte do Concello.
Este venres, cando empiece a instalación de postos, intentarán impedirla
Estes feirantes cren que o Concello debería ter mantido o sistema de adxudicación de anos anteriores, pero tamén que debería exercer maior control sobre o uso que se fai dos postos, pois a revenda non debería estar permitida e ese individuo, segundo indican, "nos ofreció por 1.200 euros puestos de 300 o 500".
Agora que a poxa xa está feita, son conscientes de que será complicado cambiala, pero avanzan que este venres, cando empece a instalación de postos, intentarán impedila, pois "nos han dejado sin trabajo". Perderon máis de dúas semanas de traballo, pois "ahora ya no podemos ir a otra feria" e, ademais, tiveron uns gastos de desprazamento ata Pontevedra e agora teñen que sobrevivir nas súas furgonetas "sin saber si el viernes vamos a tener trabajo".
"Es una gran pérdida. Es como si a otro trabajador le dejasen sin trabajo de repente sin decirle nada y sin poder buscar nada", denuncian. E engaden que eles están dados de alta no réxime de autónomos e pagan os seus impostos e, non obstante, na adxudicación de postos o Concello non nin sequera requiriu a documentación ás persoas que conseguiron postos, algo que se pide "en todas las ciudades de España" nas que eles traballan e que en Pontevedra lles reclamaran en anos anteriores. "Sólo queremos poder trabajar", demandan desesperados.